Petróglifos do Vilar

Concello: Ames
Parroquia: Santo Estevo de Cobas
Lugar: O Vilar

 

Accesibilidade: Fácil. Son varias estacións rupestres situadas á beira da estrada, baixo un viaduto da estrada AG-56 que une Santiago de Compostela coa vila de Noia. A construción desta vía de comunicación alterou a contorna dos gravados, pero permitiu a realización dunha posta en valor que consistiu na limpeza do conxunto, no seu rexistro e a sinalización posterior mediante paneis interpretativos.

 

Acceso: A forma máis doada de chegar é desde Bertamiráns. Os petróglifos encóntranse aproximadamente a 1 quilómetro do núcleo. Desde a rúa principal, en dirección leste tómase á esquerda a rúa Rosaleda. Continúase uns 220 metros e cóllese o primeiro desvío á esquerda. Despois de 600 metros pola mesma estrada, baixo o viaduto da AG-56 están os gravados.

 

Descrición
Trátase dun conxunto de 5 rochas con gravados que se encontran nunha localización pouco habitual para este tipo de manifestacións, xa que adoitan aparecer en posicións de maior altitude, nas ladeiras de outeiros e con boa visibilidade sobre o val. Porén, neste caso as insculturas están nunha zona baixa a pouca distancia do rego dos Pasos.
Os motivos corresponden case todos ao denominado grupo xeométrico e consisten en cazoletas, algún círculo simple e outros sucos formando liñas de difícil interpretación. Todas estas insculturas adoitan situarse cronoloxicamente dentro da Idade do Bronce, aínda que as cazoletas aparecen tamén dentro de cámaras megalíticas de datación máis antiga, que se remontan a época neolítica.
Das 5 rochas, a que conta con maior número de gravados é a número I (segundo indica a sinalización interpretativa) cun total de 62 cazoletas, un círculo concéntrico con cazoleta central, varios sucos e unha cruz grega.
Esta última figura, á diferencia dos resto dos gravados, presenta o característico suco feito con instrumento metálico, polo que a súa cronoloxía é máis moderna, medieval ou quizais máis recente. Trátase de símbolos que moitas veces funcionan como «cruces de termo», marcadores de limites de parroquias, xurisdicións ou propiedades e noutras ocasións están cristianizando elementos pagáns.

 

Visibilidade
As 5 estacións foron limpadas e acondicionadas para a súa posta en valor. Os motivos, aínda que presentan diferentes graos de erosión e conservación resultan bastante visibles e non se requiren condicións de luz especiais para a súa observación. O feito de atoparse baixo un viaduto non permite aproveitar a luz rasante do sol para resaltar as insculturas, pero tampouco é preciso.