A Peneda Negra

Concello: Ames
Parroquia: Santo Estevo de Covas
Lugar: Ventosa

 

Accesibilidade: Media. Non está sinalizado e por este motivo aconséllase o uso do GPS. Recoméndase precaución os días de choiva porque a combinación dos liques coa pedra mollada fan que esta sexa moi esvaradía.

 

Acceso: O petróglifo encontrase a uns 5 quilómetros ao norte de Bertamiráns, na aldea de Ventosa. Desde o norte do núcleo, ao final urbanización, cóllese un camiño de monte tamén en dirección norte. Continúase durante uns 800 metros e despois hai que tomar un estreito sendeiro á esquerda, bastante difícil de ver por causa da vexetación. Este pequeno camiño atópase a altura dun eucalipto de tronco bastante groso, cun gran nó, localizado á dereita do camiño principal. Uns 130 metros despois chégase ata a rocha.

 

Descrición:
A Peneda Negra é un dos paneis rupestres máis senlleiros do territorio Compostela Rupestre, tanto polas grandes dimensións da rocha como pola cantidade e dispersión dos motivos. Trátase ademais dunha das primeiras estacións descubertas na zona. En concreto foi Oscar Lojo-Batalla Sampedro a comezos do século XX. Este destacado persoeiro chegou a ser alcalde de Ames durante a II República e era sobriño do anticuario máis importante da época, Casto Sampedro, que foi tamén fundador e presidente da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.
En 1909 Oscar Lojo conduciu ata esta rocha e ata o veciño petróglifo de Monte Castelo ao acibecheiro santiagués Enrique Mayer e o debuxante Enrique Campo Sobrino, pertencente á sociedade pontevedresa, quen elaborou debuxos sobre os paneis para a súa exhibición na importante Exposición rexional celebrada en Compostela nese mesmo ano.
A Peneda volvería ser visitada e estudada en anos sucesivos por diferentes arqueólogos como Ramón Sobrino Buhigas, en compaña dos seus alumnos no ano 1934, ou en 1948 polo seu fillo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, xunto a Luís Monteagudo.
A rocha na que se sitúan os gravados ten uns 80 m. De lonxitude e 20 de ancho. Na súa parte superior, máis plana e horizontal, é onde se localizan a maior parte dos gravados. Pola contra a zona inferior presenta unha forte pendente e aquí as figuras son minoritarias. A gran maioría das representacións pertencen ao chamado grupo xeométrico e son en esencia cazoletas, círculos simples, círculos con cazoletas no interior e combinacións circulares. Pódense apreciar tamén varias figuras complexas formadas pola combinación de círculos concéntricos unidos a motivos cuadrangulares con esquinas redondeadas, similares ás que aparecen noutros gravados da zona como o Petróglifo de Monte Castelo ou a Devesa da Rula II. Este tipo de figuras son interpretadas por algúns autores como representacións antropomorfas esquemáticas, quizais unha divindade feminina ou algún tipo de ídolo.
No mesmo petróglifo, pero moi erosionadas, tamén se poden ver gravadas 2 figuras de animais. A mellor conservada aparece no lado norte e representa un cervo macho de grande cornamenta.

 

Visibilidade:
A erosión e cor escura da rocha dificulta a visualización dos motivos, polo que se recomenda visitar o conxunto á tardiña para aproveitar a luz rasante do sol. Neste momento a Peneda Negra convertese nun dos paneis máis espectaculares do territorio do Parque Compostela Rupestre.