Petróglifo do Castriño de Conxo

Concello: Santiago
Parroquia: Santa María de Conxo
Lugar: O Castriño

 

Accesibilidade: Media. O acceso non está sinalizado, pero hai un panel interpretativo ao carón da estación rupestre. O camiño non presenta especiais problemas de tránsito, aínda que ás veces a vexetación oculta parte do seu trazado.

 

Acceso: Chégase a través da estrada nacional 550 que une Santiago co Milladoiro, na rúa Volta do Castro. Pouco despois de pasar os supermercados Eroski e Lidl e antes de chegar á rotonda hai que desviarse á dereita. Cóllese un camiño que pasa ao lado da empresa Tredess 2010 e sobe ao Castriño de Conxo. A rocha encóntrase no parapeto do castro, ao lado do peche con rede metálica da Finca da Rocha, onde actualmente se encontra o restaurante Alabarda.

 

Descrición
Esta é a estación rupestre máis destacada do Parque Compostela Rupestre, o petróglifo de armas máis coñecido de Galicia, o primeiro do seu tipo e ser descuberto no noroeste e un dos máis estudados polos investigadores.
O achado realizouse a finais de maio de 1935 e o protagonista foi o mozo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, que naquela altura contaba apenas 20 anos. Nese momento estaba na compaña do seu pai Ramón Sobrino Buhigas, o primeiro gran estudoso da arte rupestre galega. O acontecemento debeu marcar a vocación posterior do mozo, que continuou por terras de Compostela o camiño iniciado polo seu proxenitor.
Nese mesmo ano, en xullo, Sobrino Buhigas, publicaría a súa grande obra o “Corpus Petroglyphorum Gallaeciae”, na que non se chega a incluír o petróglifo de Conxo.
O achado tivo unha importancia transcendental, pois tratábase da primeira estación coñecida con representacións de armas. Esta circunstancia permitiu facer unha primeira proposta cronolóxica para a arte rupestre galega a partir da tipoloxía das diferentes armas que aparecen no panel.
Os gravados sitúanse nunha rocha de granito duns 8 metros de longo e 3 de ancho, localizada xusto no parapeto dun poboado fortificado da Idade do Ferro, coñecido como o Castriño de Conxo.
Ao longo da pedra pódense ver unha grande variedade de figuras entre as que se recoñecen 4 alabardas, 9 espadas, 2 puñais e 4 figuras triangulares. Estas últimas son as máis controvertidas, pois recibiron diferentes interpretacións entre os investigadores. A hipótese máis xeneralizada é que se trata de algún tipo de escudo (escutiformes), pero tamén se interpretaron como ídolos, carros, figuras antropomorfas ou até estandartes. O escutiforme máis completo constitúe tamén a imaxe máis coñecida e icónica do panel. A forma triangular presenta un apéndice con liñas paralelas no seu ángulo inferior, unha especie de coroa na zona superior tamén cunha serie de liñas paralelas e unha sorte de orelleiras nos laterais.
En calquera caso, o vínculo destas representacións co mundo da guerra parece fóra de toda dúbida e o detalle na representación dalgúns puñais e alabardas, nos que aparecen os mangos, nervaduras e os remaches, permite identificalas como armas de cobre pertencentes aos primeiros momentos da metalurxia, na Idade do Bronce (entre finais do II milenio e comezos do II a. C.). Trátase de obxectos metálicos de prestixio, que estarían evidenciando un aumento da xerarquización social e o poder crecente das elites guerreiras.
A presenza destes elementos antigos (Idade do Bronce), sobre un xacemento cronoloxicamente máis moderno (castro) é aínda discutido entre os arqueólogos. Algúns sosteñen que os gravados terían perdido o seu uso e significado na Idade do Ferro e outros argumentan que a construción de murallas e outros edificios sobre gravados anteriores non sería casual e poderían seguir xogando un papel relevante nestas sociedades.
As representacións de armas son pouco frecuentes no noroeste e as estacións que se coñecen actualmente están moi localizadas. Algunhas das máis importantes con figuras similares son Pedra Ancha (Dumbría) e Auga da Laxe (Gondomar).
Visibilidade
É un dos petróglifos máis doados de ver practicamente a calquera hora do día e en calquera condición de luz. O motivos mellor conservados son ademais os máis icónicos, o escutiforme de maior tamaño, xunto cos puñais situados ao carón. Estan precisamente na zona que desenterraron os Sobrino en 1935 e por iso foron expostos a unha menor erosión. Con todo, a mellor hora para ver os gravados é a primeira hora da mañá, para aproveitar a luz rasante do sol, xa que todo o arco do sur e sueste atópase máis despexado de vexetación.