Concello: Santiago
Parroquia: Santa María de Figueiras.
Lugar: Correxíns.
Accesibilidade: Fácil. Non está sinalizado, pero sitúase moi preto da estrada e accédese a el por un camiño facilmente transitable. Recoméndase o uso de GPS.
Acceso: Chégase ata esta estación pola estrada que une Compostela coa parroquia de Figueiras e transcorre ao pé do monte Pedroso. Ao chegar ao lugar de Correxíns, cóllese un desvío cara á dereita. Continúase ata o fin da estrada asfaltada. Alí uns metros despois da última vivenda, chamada Casa Amadora, tómase un camiño de monte á dereita. Continúase polo monte e a 220m localízase a estación á dereita do sendeiro.
Descrición
A rocha onde están os gravados é moi doada de ver xusto na beira do camiño. Trátase dunha laxe de granito de gran fino situada na ladeira oeste do Monte Pedroso. A parte superior, onde se concentran a maior parte dos gravados, é bastante plana e o lado oeste presenta unha forte inclinación cara ao val de Figueiras.
Trátase dun dos paneis con maior plasticidade da terra de Compostela. As figuras gravadas na rocha son, na súa maior parte, círculos concéntricos de diferentes tamaños e case todos teñen a clásica cazoleta no centro.
A composición máis interesante do conxunto componse de catro grupos de círculos concéntricos unidos por unha liña que atravesa o seus centros. Un dos grupos, o de maiores dimensións, consta de 8 aneis, cazoleta central e 2 radios que unen o centro co exterior da figura atravesando os aneis.
Outras 7 combinacións circulares sen aparente conexiónfísica repártense polo resto da laxe e van desde a máis simple dun só circulo e coviña no centro, ata unha que conta con cinco aneis.
Esta rocha foi descuberta por Oscar Lojo-Batalla Sampedro, sobriño do gran anticuario Casto Sampedro. Foi el quen puxo en coñecemento a existencia da estación rupestre a Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, quen se desprazou ata o lugar e acabou publicando un artigo no xornal «La Noche»no ano 1948. No momento do seu achado era apenas o terceiro petróglifo rexistrado no concello de Santiago de Compostela despois do de Conxo (1935) e de Codesedas (1941).
Visibilidade
Os mellores momentos para ver este petróglifo son a primeira hora da mañá e especialmente á ultima da tarde, cando o sol está baixo. Cara as horas centrais do día o desgaste dos motivos dificulta moito a súa visualización. Os días de choiva, coa laxe mollada mellora mellora tamén moito a observación dos motivos e convértese nunha das estacións máis espectaculares da bisbarra.