Petróglifo de Monte Castelo 2 ou Monte das Pedras

Concello: Ames.
Parroquia: Santo Tomé de Ames
Lugar: Castelo

Accesibilidade: Fácil. Non está actualmente sinalizado e por iso recoméndase o uso de GPS para a súa localización. En calquera caso é sinxelo de atopar porque se encontra ao carón dun camiño de monte de doado tránsito.

 

Acceso: Desde o norte da a aldea de Ventosa ao final urbanización cóllese un camiño de monte tamén en dirección norte. Por este sendeiro continúase durante 1,4 quilómetros e a laxe cos os gravados aparece á dereita, a 30 metros do camiño, nun claro do bosque.

 

Descrición
Este petróglifo ten a honra de ser a primeira decuberta no territorio do parque Compostela Rupestre e no concello de Ames. O responsable do achado foi Oscar Lojo-Batalla Sampedro, nunha data indeterminada a comezos do século XX. Este persoeiro chegou a ser alcalde de Ames na II República e tivo unha estreita relación co patrimonio galego desde novo, pois era sobriño do anticuario máis importante da época, Casto Sampedro, que foi tamén fundador e presidente da importantísima Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.
Tempo despois da descuberta, en 1909 o mesmo Oscar Lojo, conduciu ata a rocha é ata o veciño petróglifo da Peneda Negra ao acibecheiro santiagués Enrique Mayer e ao debuxante Enrique Campo Sobrino, pertencente á sociedade pontevedresa. Este último elaborou uns fantásticos deseños dos gravados para exhibilos na Exposición Rexional Galega que se ía a celebrar en Compostela nese mesmo ano. As láminas de Campo Sobrino consérvanse na actualidade no Museo de Ponteveda.
As seguintes noticias do petróglifo son moi posteriores e foron dúas visitas de estudo: a primeira foi no 1948 polos arqueólogos Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza e Luís Monteagudo e a segunda no ano seguinte só por Lorenzo-Ruza, ambas sacadas das notas da axenda de campo deste último.
A partir dese momento o petróglifo de Monte Castelo quedará esquecido e perdido para a investigación e a cidadanía, ata que no ano 2015, membros do Colectivo A Rula, procurando un acceso alternativo á Peneda Negra, encontraron de novo a rocha e recuperaron parte da súa memoria.
Os gravados localízanse nunha rocha situada na ladeira norte do castro de Ventosa. Trátase dunha laxe redondeada, pero que apenas sobresae do terreo e que conta cunha ampla superficie lisa, onde aparecen a maior parte das insculturas.
Toda a pedra preséntase practicamente cuberta de deseños, o que lle dá ao conxunto unha grande plasticidade, sendo unha das representacións de motivos xeométricos máis importantes de todo o territorio.
As figuras grabadas consisten basicamente en 4 composicións complexas unidas entre si. Todas elas presentan características similares, pois son combinacións de aneis concéntricos (entre tres e seis) enlazados por un dos lados a outros motivos máis pequenos de forma circular, cadrada ou rectangular con ángulos redondeados. Nos catro casos o círculo central aparece recheo dunha boa cantidade de cazoletas.
Na parte superior da rocha, algo separadas, vense outras figuras tamén xeométricas de cazoletas ou pequenas combinacións de círculos con agrupacións de cazoletas no medio.
As 4 figuras complexas son similares a outras aparecidas en estacións próximas como a Devesa da Rula II ou a Peneda Negra e teñen unha forma vagamente antropomórfica. Algúns autores como o italiano Enmanuel Anati, sosteñen que poderían tratarse de representacións de divindades ou ídolos, xa que presentan semellanzas con outros motivos documentados tanto na Península Ibérica como en diferentes áreas europeas.

 

Visibilidade
O mellor momento para observar estes gravados é á tardiña, para aproveitar a luz rasante do sol.