Petróglifo de Oca

Concello: Ames.
Parroquia: San Tomé de Ames.
Lugar: Oca

 

Accesibilidade: Media. Non están sinalizados, pero sitúanse nun penedo de granito moi visible desde á aldea de Oca. Están xusto no límite da propiedade dunha vivenda particular. Chégase ata eles a través dun camiño de monte onde a vexetación dificulta ás veces o acceso. Recoméndase tamén precaución debido á altitude da rocha, pois hai risco de caídas e resulta escorregadiza nos días de choiva.

 

Acceso: Os gravados encóntranse na aldea de Oca a uns 10 quilómetros ao norte de Bertamiráns. Ao chegar ao núcleo, de fronte á capela do Corpiño de Oca, tómase unha pista asfaltada á esquerda. Continúase por esta vía e ao pasar as últimas casas cóllese un camiño de monte á esquerda que sobe ata o afloramento onde están os gravados. Para acceder á rocha recoméndase rodear o afloramento e subir pola súa cara sur.

 

Descrición:
O petróglifo atópase sobre un petón de granito, chamado o Pedrouzo, na súa parte máis elevada e nun emprazamento con excelente visibilidade sobre a contorna e cara a aldea de Oca, que lle dá o nome.
Os gravados son todos xeométricos. Dispóñense sobre unha rocha de granito moi irregular que presenta numerosas gretas naturais e tamén fracturas provocadas por traballos de cantería tradicional, que afectaron a varios dos motivos. Sobre esta laxe aprécianse varias decenas de cazoletas dispersas e ao redor dunhas 10 combinacións circulares de diferentes tipoloxías, algunhas con cazoleta central, outras sen ela, e varias compostas con ata 5 aneis concéntricos e sucos radiais que unen o centro co exterior das figuras.
Estas insculturas son coñecidas xa de antigo, pois foron descubertas por Gustavo Varela G. de Caviedes, quen posteriormente llas mostrou ao seu amigo, o arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza. Os dous visitaron o lugar o 26 de maio de 1946, pero a choiva impediu o estudo pormenorizado da estación, polo que Lorenzo-Ruza volveu en agosto do ano seguinte.
Nun artigo publicado polo experto en 1951 describe, en relación a este petróglifo, cal era o seu peculiar procedemento de traballo e rexistro dos gravados naquel momento: «… foi preciso limpar a pena de musgos, liques e toxo que a cubrían, pintar os motivos con negro de fumo, para facelos resaltar, e estender unha rede de cordel, a mesma que durante as súas indagacións usou o meu pai, a cal forma así sobre a pena, cadrados de cincuenta centímetros de lado, que serven para situar os motivos nun papel milimetrado, do cal obtense logo debuxo exacto do petróglifo» (Boletín da Real Academia Galega, 1951).

 

Visibilidade
No momento da súa descuberta os motivos xa se encontraban bastante erosionados. A esta circunstancia engádeselle o feito de que a rocha está cuberta por sedimento, abundantes liques e musgos, o que dificulta a visualización. Con todo, a visita é recomendable pois é unha das estacións máis con maior número de motivos xeométricos do territorio Compostela Rupestre. O mellor momento para a observación das insculturas é a primeira hora do día, xa que a luz rasante do sol permite apreciar moito mellor os motivos e a rocha cobra espectacularidade.