Petróglifo de Río Angueira 1 ou de Monte Cornide

Concello: Teo
Parroquia: Santa María de Luou
Lugar: Cornide.

 

Accesibilidade: Fácil. Está situado ao carón dun camiño próximo á aldea de Cornide. Encóntrase sinalizado e forma parte do PRG-238, Ruta dos petróglifos de Teo.

 

Acceso: A maneira máis sinxela de acceder é desde o inicio do sendeiro homologado na aldea de Cornide (Luou). O petróglifo atópase a 1,2 km do comezo da ruta.

 

Descrición
Sitúase ao sur da aldea de Cornide a poucos metros ao leste do gravado coñecido como río Angueira 2, sobre un outeiro orientado cara ao curso do río Angueira. Trátase, sen dúbida unha das estacións rupestres máis coñecidas do Parque Compostela Rupestre. Foi descuberta polo artista Alfonso Sanmartín e Bouza Brey en 1967 e estudada no 1969 polo arqueólogo e prehistoriador Fernando Acuña Castroviejo. Neses anos era apenas a quinta estación rupestre descuberta na contorna das terras de Compostela.
Os deseños localízanse no extremo norte dunha rocha de granito que presenta alteracións froito de labores de cantería. As figuras consisten en varias combinacións circulares, compostas algunhas por varios aneis concéntricos con cazoleta central e outras por aneis simples unidos por liñas de sucos.
O motivo máis visible de todo o conxunto é unha figura complexa duns 55 cm de diámetro que consta de 5 aneis concéntricos, con cazoleta no centro e un suco a modo de radio que sae cara a zona inferior e enlaza con outras dúas combinacións máis pequenas, situadas a ambos lados da liña. Estas pequenas combinacións foron situadas por Acuña Castroviejo, dentro da tipoloxía de motivos «faccia-oculi», definida polo arqueólogo italiano Emmanuel Anati, que lembran dous grandes ollos. Segundo estes autores, este tipo de iconografía podería referirse a algún tipo de ídolo e terían unha función relixiosa.

 

Visibilidade:
A combinación de círculos concéntricos de maior tamaño resulta visible durante a maior parte do día. Porén, o resto das figuras presentan un maior grao de erosión e recoméndase a visita á última hora da tarde, para apreciar mellor todo o panel coa axuda da luz rasante do sol.