Concello: Santiago
Parroquia: Santa María de Villestro
Lugar: Monte San Miguel
Accesibilidade: Fácil. Os accesos e os gravados desta zona non están sinalizados, polo que se recomenda o uso do GPS.
Acceso: Chégase ao gravado a través dun camiño de monte que enlaza co Camiño de Santiago na prolongación a Fisterra e Muxía. O sendeiro cóllese á dereita da ruta xacobea á altura dunha casa e sobe ata un claro do monte onde están situados a maior parte dos petróglifos da chamada Devesa da Rula.
Descrición
A Devesa da Rula II ou Pedra Mencía localízase nunha ladeira do Monte San Miguel orientada cara ao val de Roxos e a súa confluencia co río Sar, nunha paraxe coñecida como a Devesa da Rula, que conta cunha das maiores concentracións de gravados rupestres da comarca de Compostela.
A Pedra Mencía é un dos paneis máis destacados da zona pola grande cantidade e interese dos motivos representados sobre a rocha.
Os gravados ocupan practicamente a totalidade da superficie dun extenso afloramento de granito de gran groso, pouco sobresaínte no terreo, dividido en dúas laxes por unha greta natural. A rocha situada nunha cota inferior posúe unha forma redondeada e os motivos gravados nela son fundamentalmente cazoletas, algunhas delas formando aliñacións similares ás da veciña Devesa da Rula I. A rocha superior ten unha forma máis plana e nela aprécianse unha maior cantidade e variedade de motivos. Os máis abundantes son as cazoletas, de tamaño variado, pero tamén se observan varias combinacións de círculos concéntricos repartidas por toda a superficie da rocha. A combinación máis visible sitúase na parte superior da laxe, aproveitando unha protuberancia natural para provocar unha certa sensación de volume.
Porén, o gravado máis interesante é unha figura complexa que aparece na zona inferior esquerda do gran panel. Trátase dunha combinación de círculos concéntricos unidos a outros motivos cuadrangulares na parte inferior, que forman unha imaxe vagamente antropomorfa. Petróglifos similares aparecen noutras estacións próximas como a Peneda Negra ou Monte Castelo, as dúas no concello de Ames. Algúns autores interpretan este tipo de gravados como representacións de ídolos ou divindades femininas, quizais unha deusa nai vinculada á idea de fertilidade, como apunta o profesor Fernando Alonso Romero.
Visibilidade
Os motivos están bastante erosionados por causa das escorras e dos incendios e non son fáciles de ver durante o día. O mellor momento para visitar esta rocha é cos primeiros raios do sol, aproveitando a luz rasante. Os motivos máis visibles son varias coviñas e unha combinación circular situada na parte superior da laxe. Con luz rasante natural e artificial apréciase tamén bastante ben a figura antropomorfa da zona inferior.