Concello: Santiago
Parroquia: Santa María de Villestro
Lugar: Monte San Miguel
Accesibilidade: Fácil. Os accesos e os gravados desta zona non están sinalizados, polo que se recomenda o uso do GPS.
Acceso: Chégase ao gravado a través dun camiño de monte que enlaza co Camiño de Santiago na prolongación a Fisterra e Muxía. O sendeiro tómase á dereita da ruta xacobea á altura dunha casa e sobe ata un claro do monte onde están situados a maior parte dos petróglifos da chamada Devesa da Rula.
Descrición
A Devesa da Rula I localízase nunha ladeira do Monte San Miguel orientada cara ao val de Roxos, nunha paraxe coñecida como a Devesa da Rula, que conta cunha das maiores concentracións de gravados rupestres da comarca de Compostela.
Trátase dun dos paneis máis complexos e con maior número de motivos da zona. Os gravados sitúanse sobre un extenso afloramento de granito de gran groso que apenas sobresae do terreo, moi preto doutro dos grandes paneis da área, a Pedra Mencía.
Presenta unha enorme cantidade de motivos, todos eles xeométricos. Por toda a superficie da rocha obsérvanse coviñas de diferentes dimensións, algunhas delas de bo tamaño, chegando a ter ata 10 cm de diámetro. Distínguense tamén polo menos 4 combinacións circulares de pequeno tamaño, con cazoleta central e varios aneis concéntricos. Algunhas destas combinacións aparecen unidas polos seus aneis exteriores formando unha figura complexa.
Con todo, os elementos máis característicos desta estación son as agrupacións e as aliñacións de cazoletas, en especial dúas grandes liñas que conflúen nun extremo, situadas na parte máis sobresaínte da laxe.
Visibilidade
Os motivos están bastante erosionados por causa das escorras e dos incendios e non son fáciles de ver durante o día. O mellor momento para visitar esta rocha é cos primeiros raios do sol. Con todo, os motivos que mellor se aprecian son as dúas liñas confluentes de coviñas na parte máis alta da rocha.