Petróglifo do Rexío

Concello: Santiago
Parroquia: Santa María de Villestro
Lugar: Portela de Villestro

Accesibilidade: Fácil. Encóntrase mesmo ao carón do Camiño de Santiago, na súa prolongación á Fisterra e Muxía, aínda que pasa desapercibido para a maior parte dos peregrinos, pois carece de sinalización.

 

Acceso: A maneira máis rápida de chegar é desde o aparcamento do campo de futbol de Villestro. Desde aquí tómase o primeiro desvío á esquerda e continúase recto pasando pola ponte da Brea sobre o rego de Roxos. Na seguinte bifurcación séguese pola estrada da esquerda, sempre sobre o Camiño de Santiago e poucos metros máis adiante xa se aprecia unha rocha baixo un poste da luz á dereita da ruta xacobea.

 

Descrición
O petróglifo do Rexío é unha das estacións rupestres máis singulares do Parque Compostela Rupestre pola curiosa conxunción entre a morfoloxía da rocha e os motivos representados.
Os gravados sitúanse nun afloramento de granito de gran fino, que consta de 2 rochas, xusto na marxe do Camiño de Santiago.
A pedra de maior tamaño é a que está máis preto do camiño e presenta un corte vertical nunha das súas caras, froito de antigos traballos de cantería. Na súa superficie superior poden apreciarse varias cazoletas e polo menos dúas combinacións de círculos concéntricos con cazoleta central.
O outro panel, situado xusto ao lado, é o máis interesante e sorprendente, xa que a combinación entre a forma redondeada da rocha e a disposición dos gravados danlle ao conxunto un aspecto antropomorfo, que lembra á dunha muller deitada sobre a terra. Unha greta natural, divide a laxe en dous nun extremo, dando lugar ao que semellan unhas pernas; na parte máis alta da rocha unha combinación circular sitúase no lugar que correspondería ao embigo e outra combinación de círculos concéntricos aparece no extremo oposto, no posto que correspondería á cabeza.
Esta peculiar morfoloxía podería estar relacionada coa representación algún tipo de divindade feminina da Idade do Bronce. A existencia de lendas sobre mouras vinculadas a xacementos arqueolóxicos apuntaría neste sentido e quizais sexa unha reminiscencia destes cultos prehistóricos. Desgraciadamente ata o momento non hai noticias de ningún tipo de folclore asociado a este petróglifo.

 

Visibilidade
As primeiras horas da mañá son o mellor momento para ver esta estación rupestre. Con todo, é a visión nocturna, con luz artificial rasante a que permite apreciar con maior claridade e espectacularidade todos os seus detalles.