Petróglifo do Monte Pumariño

Concello: Brión
Parroquia: San Xiao de Bastavales
Lugar: Beca.

 

Accesibilidade: Fácil. Non está sinalizado. Recoméndase uso de GPS.

 

Acceso: Pasando Chave de Ponte, en dirección leste chégase a aldea de Beca. Xa no núcleo hai que tomar o primeiro desvío á esquerda, antes de chegar ao cruceiro, ata chegar a unha casa. Ao carón da vivenda sae un camiño de monte á esquerda que vai paralelo a un tendido eléctrico. A 130 metros do inicio do sendeiro encóntranse os gravados.

 

Descrición
Os gravados atópanse no punto máis alto dun outeiro, coincidindo cun desmonte realizado para o trazado dunha liña eléctrica. De feito, a rocha coas as insculturas está xusto a carón dun poste eléctrico de cemento e foi fragmentada parcialmente para a elaboración da zapata.
Os motivos dispérsanse por unha laxe bastante plana de granito de gran fino. Trátase na súa maior parte de figuras do grupo xeométrico, combinacións de círculos concéntricos e cazoletas, datables tradicionalmente na Idade do Bronce.
A maior parte dos gravados localízanse no extremo suroeste, na zona máis próxima ao poste eléctrico. Aquí aprécianse unhas 9 combinacións circulares, case todas con varios aneis e unha pequena cazoleta no centro. A de maior tamaño ten un diámetro de 35 centímetros e conta con 5 aneis concéntricos.
Na parte central da rocha hai algúns gravados que presentan maior erosión, pero posúen as mesmas características que os anteriores. Aprécianse algunhas combinacións circulares cun só anel, outras con varios e cazoletas dispersas.
Na laxe tamén se observa a presenza dalgunha cruz de época histórica.
Boa parte da rocha atópase aínda cuberta polo sedimento e o musgo, polo que non sería descartable que no futuro se descubran máis motivos froito dunha actuación arqueolóxica.

 

Visibilidade

O mellor momento para visitar este petróglifo é á tardiña aproveitando á luz rasante da caída do sol. A maior parte dos gravados presentan unha forte erosión e non son facilmente visibles. Porén, os máis perceptibles son os que están máis preto do camiño e ao carón do poste eléctrico