Concello: Teo
Parroquia: Santa María de Luou
Lugar: Regoufe.
Accesibilidade: Fácil. Está situado ao carón dun camiño próximo á aldea de Regoufe. Encóntrase sinalizado e forma parte do PRG-238, Ruta dos petróglifos de Teo.
Acceso: A maneira máis sinxela de acceder é desde o inicio do sendeiro homologado na aldea de Cornide (Luou). O petróglifo atópase a 1,5 km do comezo da ruta.
Descrición
Outeiro do Corno é un dos petróglifos máis excepcionais do concello de Teo e de todo o territorio de Compostela Rupestre.
O gravado foi publicado por vez primeira por Ramón Fábregas, Jorge e Juan Guitián e Antonio de la Peña no ano 2004, pero recentemente o Colectivo a Rula puido comprobar como xa era coñecido desde 1951 polo arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, pois aparece en fotografías da súa inxente colección gráfica, actualmente custodiada por Ángel Núñez Sobrino .
A importancia do panel ven do feito de contar cun tipo de representación moi escasa no territorio galaico. O motivo central é unha figura de forma case cadrada, deseñada con dobre trazo. No extremo superior aparecen seis pequenos círculos colocados en fila e o espazo interior do cadrado é ocupado por unha liña en zigzag que divide o motivo en 7 faixas horizontais. Á esquerda da figura obsérvase un arma, probablemente un puñal polo pequeno tamaño, coa punta cara abaixo.
Este gravado inclúese nunha tipoloxía á que pertencen, entre outros, os xacementos de Peña Tú (Asturias) ou Tabuyo del Monte (León), onde sempre aparece un motivo cadrado ou rectangular asociado a armas. Segundo algúns autores podería tratarse dunha representación humana moi esquemática, dun individuo poderoso, probablemente un guerreiro, acompañado por algún dos seus atributos (puñal, espada ou alabarda). As liñas interiores serían pregues ou decoracións da vestimenta e nalgúns casos, como o de Peña Tú, aparecen os ollos na parte superior, co que se reforza a interpretación antropomorfa do motivo. En Galicia hai polo menos outros dous petróglifos de características similares, a Pedra da Grada (Moraña) e Basoñas (Porto do Son).
Nunha zona inferior da rocha, separado por unha greta natural aparece tamén a figura bastante erosionada dun cuadrúpede mirando cara á dereita, do que non é posible identificar aespecie.
Visibilidade
O motivo máis visible é o da representación tipo Peña Tu, aínda que a erosión fai que sexa dificilmente apreciable ao mediodía coa luz vertical do sol. O momento máis recomendable para observalo é a primeiras horas da mañá e pola tardiña. O resto das figuras, o zoomorfo situado na zona inferior e algúns trazos situados na zona superior, presentan un maior nivel de desgaste e son apreciables sobre todo de noite con axuda de luz artificial.