Pedra do Home

Concello: Val do Dubra
Parroquia: San Cristovo de Portomouro
Lugar: Portomouro de Arriba.

 

Accesibilidade: Fácil. Está sinalizado desde Portomouro e accédese desde estrada practicamente ata o lugar. A Pedra do Home está acondicionada para a visita e conta tamén con paneis interpretativos.

 

Acceso: Desde a cabeceira do municipio en Bembibre cóllese a estrada en dirección Portomouro. Antes de cruzar a ponte sobre o Tambre, tómase un desvío á esquerda e séguese ás indicacións dos sinais, que conducen ata o lugar de Igrexa. Desde alí vaise ata as últimas casas do núcleo e pódese aparcar o coche ao carón do lavadoiro. Desde aquí pódese continuar a pé uns 180 metros ata unha rocha que destaca no alto do outeiro.

 

Descrición
A Pedra do Home ou Pedra dos Mouros é un afloramento granítico no que se encontran 3 sartegos antropomorfos labrados na rocha. Sitúanse nun lugar elevado, un excelente miradoiro natural sobre o val que forman a confluencia dos ríos Dubra e Tambre.
A rocha na que aparecen labrados é moi irregular, con signos de forte erosión froito do paso do tempo, da acción da choiva e o vento, pero presenta evidencias de que antigamente era moito maior xa que foi sometida a diferentes accións destrutoras. De feito, algúns veciños contan que lembran a existencia dunha ducia de sartegos e que na década de 1950 foron dinamitados por un tal Xan do Romaño, na procura dun tesouro mencionado na tradición oral da zona.
Non hai acordo entre os autores sobre a cronoloxía destes enterramentos, pero en calquera caso adoitan datarse en época altomedieval, durante un longo período que podería ir desde o século V ao XI d. C. e serían máis antigos que a tipoloxía de sartegos exentos.
Os sartegos da Pedra do Home teñen os tres características similares. Posúen un extremo redondeado para colocar a cabeza dos defuntos e un oco trapezoidal para o resto do corpo. Esta forma tan característica foi sen dúbida a que deu orixe ao topónimo do lugar. O espazo para o defunto ten unha lonxitude de entre 1,60 e 1,47 m, polo que parece que deberon pertencer no seu momento a individuos adultos.

Todos eles presentan ademais a mesma orientación, os pés cara o nacente e a cabeza ao solpor, coincidente coa maior parte das igrexas cristiás dende o século IV en adiante.
O conxunto rupestre é por tanto o resto dunha necrópole medieval vinculada a un santuario do cal descoñecemos máis datos. Podería tratarse dun cenobio ou ben dunha localización anterior da Igrexa Parroquial. De feito o templo actual encóntrase a escasa distancia, con contacto visual directo co lugar e a advocación de San Cristovo foi un culto antigo moi popular durante a alta Idade Media.

 

Visibilidade
Á diferencia da maior parte das representacións rupestres de Compostela Rupestre, os sartegos da Pedra do Home non requiren condicións especiais para a súa visualización. A visita polo tanto pódese facer sen problema a calquera hora do día.