Concello: Teo
Parroquia: Santa María de Luou
Lugar: Cornide.
Accesibilidade: Fácil. Está situado ao carón dun camiño próximo á aldea de Cornide. Encóntrase sinalizado e forma parte do PRG-238, Ruta dos petróglifos de Teo.
Acceso: A maneira máis sinxela de acceder é desde o inicio do sendeiro homologado, na aldea de Cornide (Luou). O petróglifo atópase a 1,2 km do comezo da ruta.
Descrición
Esta estación sitúase a moi poucos metros ao sur do coñecido como petróglifo de Río Angueira 1 ou de Monte Cornide. Os gravados localízanse só na cara oeste da rocha. Nela obsérvase con nitidez unha figura xeométrica composta por 2 círculos concéntricos e cazoleta central e varias figuras de animais, bastante máis erosionadas.
O panel presenta un grande interese porque é un dos poucos exemplos de representacións naturalistas da comarca de Compostela e nel ademais combínanse 2 das grandes temáticas da arte rupestre galaica: a caza e a monta, que lle dan ao conxunto un forte dinamismo e sentido narrativo.
Entre os deseños de animais recoñécense polo menos 4 cervos macho, identificables polas súas grandes cornamentas e 4 ou 5 animais montados por figuras humanas moi esquemáticas, que aparecen cos brazos flexionados e ergueitos. A excepcionalidade desta escena de monta provén non só da escaseza destas representacións, senón tamén do feito de que un dos animais montados sexa un cervo. A monta de animais non domésticos coma os cérvidos é pouco frecuente na arte rupestre do noroeste e podería estar indicando unha actividade de tipo ritual ou simbólico, pero non habería que descartar que o animal sexa en realidade un cabalo ataviado con algún tipo de ornamento que imite unha cornamenta.
O resto de animais montados semellan ser cabalos, pois diferéncianse dos cervos na ausencia de cornos e especialmente por posuíren longas colas.
En calquera caso, tanto a monta como a caza maior, neste caso do cervo, son consideradas pola maior parte dos investigadores como actividades de prestixio social vinculadas as elites guerreiras da Idade do Bronce.
Outro dos aspectos interesantes deste petróglifo é o feito de presentar diferentes técnicas de realización do gravado, apreciables principalmente nos animais. Entre elas a máis habitual é o emprego do dobre suco para definir a anatomía dos cuadrúpedes. Outra técnica menos frecuente é a esquemática que emprega un único trazo para formar corpo e extremidades. Máis excepcional no chamado Grupo Galaico de Arte Rupestre é o baleirado do corpo dos zoomorfos xerando unha especie de baixo relevo, apreciable tanto no cervo macho de maior tamaño como na monta situada á dereita da combinación circular.
Visibilidade:
A maior parte motivos gravados na rocha encóntranse bastante erosionados polo que a súa visualización resulta difícil polo día. Porén, a figura máis facilmente visible é a dos círculos concéntricos. Para ver correctamente o resto dos gravados é recomendable visitar o panel a última hora da tarde e aproveitar a luz rasante do sol, un día de choiva coa rocha mollada ou de noite con axuda de iluminación artificial. A pesar das dificultades de visualización, recoméndase a súa visita xa que se se trata dun dos poucos gravados na que se pode ver unha escena con animais e con forte contido narrativo.