Os Cortellos III ou Pedra da Loba

Concello: Santiago
Parroquia: Santa María de Villestro
Lugar: Monte San Miguel

 

Accesibilidade: Media. Os accesos e os gravados desta zona non están sinalizados, polo que se recomenda o uso do GPS.

 

Acceso: O panel está situado próximo ao cumio do monte San Miguel. Desde ese punto tómase un sendeiro á dereita que descende cara ao val de Roxos e uns metros despois á esquerda obsérvase unha zona de afloramentos graníticos nun claro do bosque, dentro dun eucaliptal. Nesta zona é onde se encontra a Pedra da Loba.

 

Descrición
A Pedra da Loba é sen dúbida un dos grandes paneis do Parque Compostela Rupestre e, a pesar da súa recente descuberta en 2016 polo Colectivo A Rula, está chamado a converterse nunha das estacións rupestres máis icónicas do noroeste. Os motivos representados na rocha son a maior parte de tipo naturalista, pois nela obsérvanse unha boa cantidade de zoomorfos e varios xinetes montando a cabalo nunha composición con forte sentido narrativo.
Os gravados sitúanse nunha laxe plana de granito, situada a rentes do chan e orientada cara ao val de Roxos. Está rodeada doutros afloramentos graníticos moito máis visibles e con abundantes marcas de traballos de cantería antigos.
Toda a pedra está cuberta de motivos e non habería que descartar que algúns permanezan aínda cubertos pola terra. O que máis chama a atención é a grande cantidade de zoomorfos que presenta o panel, con polo menos 21 animais. Todos eles son moi esquemáticos, presentan longo pescozo e están realizados coa técnica do dobre suco para definir o corpo, cabeza e extremidades. Pequenos sucos serven tamén para trazar os cornos, orellas e as colas. Na maior parte dos casos non é doado distinguir especies a partir das características anatómicas. Porén, o caso máis evidente é o dun gran cervo macho, que presenta unha curiosa cornamenta con 7 grandes puntas orientadas cara ao interior, de maneira que parecen unirse.
Aprécianse tamén varios cabalos recoñecibles por posuíren colas longas e curvadas. Polo menos 2 équidos son ademais montados por figuras humanas moi esquemáticas. No resto dos animais a aparición de colas máis curtas permite diferencialos dos cabalos, probablemente sexan crías ou femias de cervo, que carecen de cornos ou os teñen máis pequenos.
Completando o panel, aprécianse algunhas combinacións circulares de pequeno tamaño, de ata 1 e 2 aneis concéntricos, algunha con cazoleta central e media ducia de coviñas de pequenas dimensións.
O conxunto parece estar representando unha escena na que varias persoas montadas a cabalo están cazando ou quizais conducindo unha manda de herbívoros. A ausencia de armas entre os xinetes podería apuntar a esta segunda posibilidade.

 

Visibilidade
As figuras gravadas na Pedra da Loba presentan un diferente grao de erosión. Os motivos mellor conservados son os situados na parte inferior da rocha, entre eles o gran cervo de puntas converxentes. Con todo, recoméndase a visita da laxe a primeira hora da mañá para aproveitar mellor o efecto da luz rasante do sol ou un día de choiva coa rocha mollada, xa que se trata dunha das estacións máis espectaculares do territorio Compostela Rupestre.