Ames

Arte rupestre en Ames

Na actualidade no catálogo de patrimonio cultural da Xunta de Galicia aparecen 22 xacementos rupestres. A maior parte deles foron atopados nos últimos 5 anos e aínda están pendentes de incorporación as 13 novas estacións localizadas en 2018.

A gran maioría das estacións do municipio pertencen ao que se coñece como Grupo Galaico de Arte Rupestre ou Estilo Atlántico, dependendo dos autores, que adoitan situarse cronoloxicamente na Idade do Bronce. Trátase fundamentalmente de motivos de tipo xeométrico con predominio de cazoletas e círculos. A temática abstracta dificulta aos investigadores a interpretación da función e significados, pero dentro deste conxunto coñécense algunhas figuras con forma antropomorfa (Monte Castelo e Peneda Negra) que poderían ser representacións dalgún tipo de divindade ou ídolo.

Moito máis minoritarios son os motivos naturalistas. En Ames ata o momento só se coñecen os dous cervos da Peneda Negra, aínda que seguramente aparecerán novos exemplos en breve.

Tamén aparecen motivos de cronoloxías máis recentes en diferentes estacións. Fundamentalmente trátase de cruces realizadas con instrumentos metálicos que poderían ser cristianizacións de elementos pagáns ou funcionar como marcas de termo. Este tipo de símbolos sitúanse normalmente en época medieval ou momentos posteriores e temos varios exemplos nos petróglifos do Vilar (Santo Estevo de Cobas), Monte de San Marcos (Santa María de Ameixenda) ou Espiñeira (San Mamede de Piñeiro).