A Comarca de Santiago é un territorio onde a pedra sempre foi protagonista. Desde a prehistoria ata a actualidade homes e mulleres expresaron a súa relixiosidade, a súa arte e construíron as súas obras en pedra. Do mesmo xeito gravaron símbolos nas penedas para delimitar os seus territorios, establecer os lindes ou marcar camiños.
A Terra de Santiago é un área rica en todo tipo de manifestacións rupestres e por iso xorde o Parque Compostela Rupestre. Un proxecto que une aos concellos de Ames, Brión, Santiago, Teo e Val do Dubra ao redor do patrimonio cultural escrito na rocha. Unha iniciativa para achegar á cidadanía unha das áreas máis importantes na arte rupestre de Galicia.
Na actualidade en Galicia hai catalogados algo máis de 3.400 petróglifos, tanto prehistóricos como de época histórica. No territorio que comprende os concellos de Compostela Rupestre, coñécense xa máis dun centenar de estacións con gravados e o número non para de aumentar coas descubertas dos últimos anos.
A maior parte dos gravados coñecidos desta zona foron feitos na prehistoria, hai uns 4.000 anos na Idade do Bronce (III milenio e inicios do II milenio a. C.). Círculos, coviñas, armas, cervos e outras figuras forman parte do repertorio deste tipo de arte. Con todo, esta cronoloxía aínda se mantén en discusión entre os investigadores, de feito no noroeste coñécense gravados máis antigos, do neolítico, dentro de cámaras megalíticas e outros máis tardíos, da Idade do Ferro.
Tamén hai unha grande variedade de manifestacións rupestres máis recentes, medievais e de época moderna, moito menos estudadas e coñecidas. Entre elas están as cruces de termo, as marcas de canteiro, as marcas de propiedade, os taboleiros de xogo ou os enterramentos rupestres.
Os petróglifos da Idade do Bronce adoitan atoparse sempre nas ladeiras de pequenos outeiros (Monte San Miguel en Villestro, Monte Castelo…) ou no alto de Penechairas (Monte Piquiño, en Teo). Xeralmente sitúanse sobre rochas pouco perceptibles desde a distancia, pero desde as que hai un bo control visual da contorna inmediata. Pola contra case nunca aparecen en zonas baixas ou de val.
Na Idade do Bronce as xentes habitaban xa unha densa rede de aldeas, coas construcións feitas a base de materiais perecedoiros (madeira, xestas, pallabarro..), que apenas deixaron pegada no rexistro arqueolóxico. Os poboados non estaban fortificados e situábanse polo xeral en ladeiras ou recháns de outeiros. Procuraban orientarse cara ao arco do leste e sueste, para asegurar unha mellor insolación e sempre preto dalgunha corrente de auga. Practicaban unha agricultura extensiva de tala e roza e xa se observan os primeiros indicios de parcelamento do campo.
O pastoreo tiña tamén unha grande importancia nese momento. Por este motivo, segundo indican as investigacións, as áreas onde se localizan os petróglifos e os poboados caracterízanse por seren zonas abertas, de monte baixo e abundante pasto. Pola contra, o bosque ocupaba normalmente as zonas baixas e os fondos de val. Practicamente a situación contraria á que se da na paisaxe tradicional galega.
A gran maioría dos gravados do noroeste da Península Ibérica foron realizados en granito. Unha rocha de gran dureza que permitiu a conservación destas insculturas ao longo do tempo. Polo xeral tanto os petróglifos prehistóricos coma os históricos fixéronse sobre rochas de boa calidade. Por este motivo moitas das laxes onde aparecen os gravados foron aproveitadas tamén por canteiros tradicionais para a extracción de pedra e resulta frecuente encontrar marcas do seu traballo.
Os petróglifos prehistóricos foron realizados, na súa maior, con ferramentas de pedra. A técnica máis probable, segundo indica a arqueoloxía experimental, foi usando pedras de seixo, un material de grande dureza e moi abundante por toda Galicia. Primeiro comezaríase por marcar o deseño sobre o granito cunha pequena lasca de seixo; despois cun seixo maior e con punta comezaríase a picar sobre a marca, de maneira que se vai formando un primeiro suco moi irregular. Finalmente, cando o suco xa está feito, regularízase mediante a abrasión co mesmo seixo ou cun canto de río.
Os petróglifos de época histórica, pola contra, foron feitos con instrumentos metálicos, picos ou ciceis de ferro.
Os sucos resultantes son diferentes segundo a técnica empregada. Máis estreitos, profundos e irregulares os realizados con metal e máis redondeados, con perfil en «U» e máis regulares os feitos con pedra.
Os motivo prehistóricos do chamado Grupo Galaico de Arte Rupestre ou Estilo Atlántico son de dous tipos: os xeométricos e os naturalistas. Os xeométricos son, con moito, os máis abundantes no territorio de Compostela Rupestre e do noroeste, e esta circunstancia dificulta moitas veces a interpretación da súa función e significado. Círculos e cazoletas son as figuras predominantes, pero tamén aparecen espirais, cuadriculados e outros motivos complexos que incluso parecen representar figuras antropomorfas.
Entre os naturalistas aparecen as armas (espadas, puñais, alabardas e figuras con forma de escudo) e os animais (cabalos e cervos). Este tipo de representacións son normalmente moi escasas e particularmente nesta área pois, entre o cento de gravados catalogados ata o momento, só se coñecen 2 petróglifos de armas e 7 con representacións de animais.
Os gravados do bronce non mostran a vida cotiá das xentes que os fixeron, senón apenas unhas actividades moi concretas (a guerra, a caza, a monta a cabalo) consideradas de prestixio e practicadas polas elites guerreiras. Nunca aparecen escenas agrícolas, de recolección, pastoreo…
Entre os motivos históricos os máis habituais están as cruces, que poden funcionar tanto como marcas de termo que delimitan lindes de propiedades, xurisdicións, parroquias… como ser cristianizacións de lugares pagáns. Outras figuras son as ferraduras, as béstas, as figuras con forma de «phi»…