A Investigación

Ames foi o primeiro concello da comarca de Compostela no que se tivo noticia da descuberta de gravados rupestres. A comezos do século XX Oscar Lojo-Batalla Sampedro, que sería posteriormente alcalde de Ames durante a II República, descubriu dúas impresionantes estacións: a Peneda Negra (Ventosa, Santo Estevo de Covas) e o Monte Castelo (Santo Tomé de Ames).

Tempo despois, en 1909, o mesmo Oscar Lojo guiou ata estas rochas ao acibecheiro santiagués Enrique Mayer e ao debuxante Enrique Campo Sobrino, da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra. Este último elaborou uns fantásticos deseños dos gravados para seren exhibidos na Exposición Rexional Galega que se ía a celebrar en Compostela nese mesmo ano. As láminas de Campo Sobrino consérvanse na actualidade no Museo de Pontevedra.

As investigacións da arte rupestre no municipio non se retomarán ata décadas despois con Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza. Este arqueólogo que traballou como aparellador no concello de Santiago e foi mestre de debuxo na Escola de Artes e Oficios, percorreu o territorio da comarca de Compostela facendo novos achados e divulgando os gravados na prensa e publicacións científicas.

A través dos seus escritos e da súa axenda arqueolóxica chegáronnos noticias dalgunhas estacións en Ames durante as décadas de 1940 e 1950, como as xa citadas da Peneda Negra e Monte Castelo (1948 e 1949), o petróglifo de Oca (1946) e outros aínda non localizados ata o momento como os petróglifos de Labanquiños ou o de Liñaredo (1950). Nestes achados tivo como acompañantes habituais a Oscar Lojo e a Gustavo Varela Gutiérrez de Caviedes, catedrático de Ciencias Naturais no Instituto Cervantes e mestre na Universidade de Santiago de Compostela.

Desgraciadamente a prematura morte de Lorenzo-Ruza en 1959 supuxo un paro de décadas na investigación da arte rupestre do territorio de Ames.

A comezos do século XXI redactouse o Plan Xeral de Ordenación Municipal e no seu catálogo arqueolóxico a situación non mudara moito respecto á época precedente, pois apenas se citaban 5 estacións rupestres.

Porén, a partir deste momento vanse suceder pequenos achados como os petróglifos do Vilar, en 2006, durante os traballos arqueolóxicos vinculados á construción da estrada AG-56; ou a descuberta de varias estacións no 2007 como consecuencia das prospeccións realizadas despois das vagas de incendios forestais do ano anterior. Neste último traballo localizáronse algunhas estacións como Os Batáns, Os Pachóns, Espiñeira ou Chan do Monte.

O grande salto produciuse porén, a partir do ano 2013 grazas á labor do Colectivo A Rula, un grupo de afeccionados entusiastas, procedentes de diferentes disciplinas que atoparon unha significativa concentración de gravados no denominado Monte San Miguel, entre os concellos de Santiago e Ames. Nesta área incorporáronse dúas novas estacións ao territorio de Ames (Pinal 2 e 3) e este sería o inicio do camiño cara a novos achados.

Un dos grandes acontecementos arqueolóxicos dos últimos anos foi a redescuberta en 2015 do impresionante petróglifo de Monte Castelo por membros do Colectivo. Xa en 2018, os medios volveron a facerse eco da noticia do achado de 13 novos petróglifos nas parroquias de Ortoño, Piñeiro, Covas, Agrón, Biduido e Bugallido, gracias á colaboración de diferentes veciños e técnicos locais, co que a relación de estacións coñecidas ampliouse notablemente.