Ruta Portela de Villestro

Información

Distancia: 1,8 km (por estrada) e 1,7 km (por camiño)

Tempo de realización: 1 hora e 5 minutos.

Desnivel de subida e baixada: 67 metros

Porcentaxe de asfalto: 50 %

Dificultade: Fácil

Uso de GPS: Recomendado. Ruta sen sinalizar

A Ruta da Portela de Villestro parte desde o CIVI (Centro de Interpretación de Villestro), antiga escola unitaria da freguesía de Santa María de Villestro. Xusto ao carón do edificio xa se pode ver un pequeno gravado de círculos concéntricos cun radio que atravesa os aneis.

Desde este punto encamiñámonos pola estrada cara ao sueste, ata o Monte San Miguel, que se divisa desde o inicio. A 1,3 quilómetros do CIVI, á altura de Quintáns, a ruta enlaza co Camiño de Santiago, na súa prolongación a Fisterra e desde aí continúase pasando sobre o rego de Roxos, pola Ponte da Brea. 200 metros despois da ponte á dereita do Camiño xa se ve un afloramento de granito. Neste punto encóntranse os petróglifos do Rexío. O máis espectacular deles é a rocha máis pequena que semella unha figura feminina deitada sobre o chan.

Seguindo pola vía xacobea, pásase unha curva bastante pechada e, á altura da casa, tómase un sendeiro de monte á dereita que sobe cara ao Monte San Miguel. Polo camiño pásase polo petróglifo con cazoletas de Agro do Campo, situado xusto no medio do sendeiro, ata chegar á zona da Devesa da Rula. Este espazo contén unha das maiores concentracións de gravados do territorio de Compostela Rupestre. A Devesa foi acondicionada, liberada de vexetación e hoxe é un lugar no que se poden admirar ata 10 estacións diferentes. As máis espectaculares son a da Devesa da Rula 1 e Devesa da Rula 2 ou Pedra Mencía.

Desde aquí continúase subindo monte arriba ata chegar a un dos puntos máis altos do outeiro, nunha paraxe denominada Os Cortellos, onde hai unhas penedas que forman un excelente miradoiro sobre o val do Río Roxos.

Despois de contemplar a paisaxe, vólvese a descender por outro camiño que sae á dereita e, a uns 100 metros do miradoiro, aparece á esquerda outra das laxes importantes da comarca, a Pedra da Loba. Un gran panel cheo de zoomorfos con cabalos e xinetes conducindo ou tratando de cazar unha manda de cervos, na que destaca un macho con grandes cornas.