Distancia: 11,9 km (Ida e volta).
Tempo de realización: 3 horas 45 minutos.
Desnivel de subida e baixada: 300 metros
Porcentaxe de asfalto: menos do 5%
Dificultade: Fácil
Uso de GPS: Non é necesario. Ruta ben sinalizada
A Ruta dos petróglifos de Teo (PRG-238) foi homologada no ano 2018 e encóntrase actualmente perfectamente sinalizada e acondicionada para a súa realización.
O inicio e o fin da mesma é na aldea de Cornide (Parroquia de Santa María de Luou), no concello de Teo, xusto ao carón da Capela dos Milagres e Desamparados. Desde aquí o camiño sae en dirección sur para, pouco despois, seguir o curso do río Angueira baixo un espectacular bosque de ribeira no que irán aparecendo pontellas, pozas e muíños fariñeiros.
Aproximadamente a 1 quilómetro do inicio, un pequeno desvío conduce a dous dos petróglifos máis destacados do concello de Teo: as estacións de Río Angueira 1 e 2. A primeira conta cunha espectacular representación de círculos concéntricos e a segunda destaca por acoller unha escena de caza con xinetes acosando unha manda de cervos.
O camiño continúa pola beira do río ata chegar a outro petróglifo destacado, o de Outeiro do Corno 1, no que se pode ver o deseño dunha espada e unha figura abstracta que podería representar un ídolo antropomorfo.
Desde este punto, a ruta irá ascendendo suavemente, pasando ao carón doutros gravados prehistóricos e tamén dunha cruz de termo de época histórica, para chegar, aproximadamente a uns 4,5 km, á área arqueolóxica do Monte Piquiño. Trátase dunha unha penechaira de grande importancia paisaxística e cultural. De feito é unha das zonas de maior concentración de gravados rupestres da zona, cunhas 10 estacións, pero tamén hai una necrópole de 30 mámoas e 2 posibles círculos líticos denominados Eira dos Mouros.
Neste punto a ruta bifúrcase para percorrer o Monte Piquiño. Desa maneira pásase por outros gravados destacados da área situados algúns deles en miradoiros espectaculares sobre o val. Este é o caso do Petróglifo do Fondao, do Trono da Raíña ou da Pedra Bicuda de Regoufe.
O punto máis afastado da ruta está marcado pola Pedra Bicuda de Loureiro, un destacado panel con cervos, escenas de monta, combinacións circulares e figuras pouco frecuentes como un posible ídolo e unha espiral. Desde ese lugar a uns 5,70 quilómetros do inicio, o sendeiro recúa para volver ao lugar de partida outra vez na aldea de Cornide.