Santiago

Arte rupestre en Santiago

Actualmente no catálogo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia figuran 57 estacións rupestres no municipio de Santiago dos cales máis de 40 foron descubertas e localizadas nos últimos anos. A maior parte son de cronoloxía prehistórica, datables na Idade do Bronce e inclúense dentro do que algúns autores denominan Grupo Galaico de Arte Rupestre e outros Estilo Atlántico. Círculos e cazoletas son os motivos máis representados en número, aínda que tamén hai destacados exemplos de representacións naturalistas de armas (Petróglifo do Castriño de Conxo) e animais (Pedra da Loba).

Tamén existen exemplos de gravados históricos, moitos deles datables en época medieval ou incluso momentos máis recentes, nos que o motivo predominante son as cruces, pero tamén aparecen ferraduras, béstas ou letras. Algunha das estacións máis destacadas son a Pedra que Fala (San Xoán de Fecha) ou a Pedra da Legua (Santa María de Villestro).

Porén, o concello de Santiago é un territorio especialmente rico en manifestacións rupestres de todo tipo. Entre elas pódense citar, por exemplo, un número case inabarcable de marcas de propiedade, especialmente nos edificios da zona monumental; taboleiros de xogo de época medieval e moderna, sartegos labrados na rocha…