A historia dos petróglifos de Santiago de Compostela comeza en 1935 coa espectacular descuberta da estación rupestre do Castriño de Conxo por Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza e o seu pai Ramón Sobrino Buhigas. Desde entón, ata a década dos 80, os novos achados van a ser escasos a pesar de tratarse do municipio que acolle a Universidade de Santiago, onde se formaron a maior parte dos historiadores e arqueólogos galegos.
O petróglifo de Codesedas (1941), Correxíns (1948), a Pedra que Fala (1968) son algúns dos exemplos que pouco a pouco foron aparecendo nas publicacións especializadas nas seguintes décadas.
Os primeiros anos da Xunta de Galicia fixeron chegar novos traballos e novas descubertas. No ano 1983 firmouse un convenio entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago para acometer o «Plan de Catalogacíon Arqueolóxica Interprovincial de Galicia». Dentro deste marco, entre marzo e maio de 1985, fíxose unha prospección arqueolóxica do Concello de Santiago e o resultado da mesma foron dous importantes traballos: en 1986 a tese de Licenciatura de María José Soto Barreiro, Los petroglifos prehistóricos de la comarca Compostelana e en 1987 a Catalogación de Yacimientos prerromanos del Ayuntamiento de Santiago. Nestas dúas obras recóllense aínda apenas 6 estacións rupestres para todo o termo municipal.
O número comezará a incrementarse progresivamente desde finais da década de 1990 e inicios do século XXI cos traballos de prospección do territorio realizados ao abeiro de diferentes proxectos: os estudos de impacto na rede de gasificación, prospeccións puntuais nos núcleos de Roxos, Monte Pedroso e especialmente cos traballos de redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado en 2007.
Porén, o momento de maior despegue da arte rupestre en Compostela, foi desde 2013 grazas ao traballo dos membros do Colecctivo a Rula. Auténticos apaixonados do patrimonio cultural galego que descubriron un conxunto rupestre excepcional tanto polo número de estacións rupestres coma pola súa variedade temática no Monte San Miguel (Parroquia de Villestro), no limite entre os concellos de Ames e Compostela. Boa parte do traballo desta asociación e da historia da arte rupestre compostelá foi recollida nunha exposición temporal realizada polo concello de Santiago no Centro de Interpretación de Villestro (CIVI) en 2015. Este foi un dos primeiros chanzos para a creación do proxecto Compostela Rupestre.