Na actualidade o concello de Teo conta cun total de 30 petróglifos no catálogo da Xunta de Galicia e aínda faltan por incorporar algunhas descubertas recentes. Case todos eles encádranse dentro do que se denomina Grupo Galego de Arte Rupestre ou Estilo Atlántico e adoitan situarse cronoloxicamente dentro da Idade do Bronce. A maior parte dos motivos representados son de tipo xeométrico, fundamentalmente cazoletas e combinacións de círculos concéntricos, pero tamén hai varios exemplos excepcionais de arte naturalista. Son as estacións de Outeiro do Corno I, Pedra Bicuda de Loureiro e o petróglifo de Río Angueira II. Nas tres hai representacións de animais, e na última ademais unha escena de tipo narrativo na que se aprecia unha posible caza de cervos por xinetes montados a cabalo. Outro dos gravados de excepción neste grupo é o de Outeiro do Corno I, cunha espada ou puñal gravado ao carón dunha especie de ídolo, con escasos paralelos no noroeste da Península.
A maior parte dos petróglifos desta época sitúanse fóra das zonas baixas, las ladeiras de outeiros ou no alto de penechairas. De feito, boa parte dos rexistrados ata o momento concéntranse nun conxunto de elevacións que discorre en dirección sueste dividindo os vales do río Sar e de Teo, onde destaca especialmente a área de Monte Piquiño. Un dos espazos arqueolóxicos máis importantes do territorio Compostela Rupestre, pola elevada densidade de xacementos prehistóricos con 10 petróglifos, 30 mámoas e 2 posibles círculos líticos.
Xunto aos gravados prehistóricos, en Teo tamén se localizan motivos máis recentes, de época medieval ou posteriores, como as cruces, que frecuentemente comparten panel cos motivos prehistóricos. Moito máis excepcionais son outros elementos como os marcos da Devesa Real do Coto. 3 pedrafitas marcadas coa letra «R», que indicaban os límites dun plantío usado dende o século XVIII pola coroa para o subministro de madeira á mariña.