Os inicios da investigación da arte rupestre no concello de Teo estiveron estreitamente ligados á figura de Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza. Era fillo de Ramon Sobrino Buhigas, o primeiro gran estudoso dos petróglifos galegos e autor da transcendental obra Corpus Petroglyphorum Gallaeciae (1935). Del herdou a paixón polos gravados e desde a súa posición de aparellador municipal de Santiago e mestre da Escola de Artes e Oficios percorreu boa parte da comarca compostelá na procura de novas estacións.
Foi por tanto o protagonista dos primeiros achados en Teo, moitas veces na compaña de estreitos colaboradores coma Adolfo Calvo, practicante municipal ou Juan Pérez Millán, arquiveiro da catedral de Santiago. Este último xa dera noticia da aparición dunha rocha con insculturas en Teo a Sobrino Buhigas no 1930, e por iso sería incluído cunha breve mención no Corpus. Tratábase do petróglifo de Mallos (Santa María de Teo) sobre o que Lorenzo-Ruza publicará un artigo monográfico en 1947.
Durante as décadas de 1940 e 1950 Lorenzo-Ruza visitará en diversas ocasións o concello de Teo na procura de novas estacións. Sabemos do seu traballo grazas ás anotacións da súa axenda arqueolóxica e das súas fotografías, actualmente custodiadas por Ángel Núñez Sobrino. A través destas referencias pódese comprobar como tamén coñecera o petróglifo de Outeiro do Corno, a Pedra Bicuda de Regoufe e que visitara en varias ocasións a área arqueolóxica do Monte Piquiño, polo que non sería descartable que fose coñecedor doutras estacións rupestres na zona.
A prematura morte en 1959 privou á comarca do seu extraordinario traballo e supuxo un cese nas descubertas durante practicamente unha década.
O seguinte achado non chegou ata 1967 e foi o petróglifo de Río Angueira 1, tamén coñecido como de Monte Cornide. Nel participaron o escultor Alfonso Sanmartín e Fermín Bouza Brey. Dous anos despois o arqueólogo Fernando Acuña Castroviejo daría a coñecer estes gravados nun artigo.
En 1986 na tese de licenciatura de María José Soto Barreiro Los petroglifos prehistóricos de la Comarca de Santiago, apenas se mencionan dous gravados para todo o termo municipal: o de Río Angueira e o de Mallos, e este último encontrábase desaparecido nesas datas.
A situación comezou a cambiar a partir de finais da década de 1990 e comezos do século XXI. Nesta altura realizáronse diferentes prospeccións arqueolóxicas en Teo, a primeira foi financiada pola Xunta de Galicia en 2001 e a segunda, no ano 2006, fíxose para a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Os traballos supuxeron o achado dun bo número de novas estacións rupestres, varias delas na contorna da área arqueolóxica do Monte Piquiño, como o petróglifo do Fondao, o de Outeiro Piquiño ou a Pena Bicuda de Loureiro. Pola mesma época houbo novas descubertas realizadas por veciños do concello como o Trono da Raíña, por Álvaro Parajó ou o petróglifo de Outeiro do Meau por José Barral.
Nestes anos, aos achados uniuse tamén unha intensa actividade de divulgación do patrimonio rupestre na que destacou en 2008 a guía Os petróglifos do Concello de Teo, realizada polo Colectivo Ollarte, da Universidade de Santiago. Na obra xa se dá conta de 17 estacións para o termo municipal. Tamén publícanse artigos científicos sobre diferentes petróglifos do municipio, que comezan a situar o territorio nun lugar de privilexio dentro do mapa da arte rupestre do noroeste. Outeiro do Corno (2004), Petróglifo de Río Angueira (2011) ou Pedra Bicuda de Loureiro (2013) son algúns dos paneis que reciben a atención de autores vinculados á Universidade de Santiago como Ramón Fábregas, Carlos Rodríguez Rellán Jorge e Xoán Guitián ou ao Museo de Pontevedra como Antonio de la Peña.
A todo este traballo veuse a sumar o labor divulgativo da asociación «A mámoa» (Luou) que desde polo menos o ano 2005 ven facendo excursións e outras accións para achegar o patrimonio á cidadanía. Un traballo continuado e reforzado coa actividade do Colectivo A Rula, a través da realización de xeiras nocturnas, charlas e facendo novas achegas ao catálogo de xacementos de Teo.