Val do Dubra

Val do Dubra

No concello de Val do Dubra, ata o momento, non se rexistrou ningún achado de petróglifos prehistóricos, tal como acontece no resto dos concellos do territorio Compostela Rupestre. Porén, nun futuro próximo seguramente comezarán a producirse descubertas neste eido. A existencia de varios conxuntos de mámoas (20 no catálogo da Xunta de Galicia) demostran unha intensa ocupación do espazo e actividade humana durante o neolítico e a Idade do Bronce. A aparición de gravados deste último período, normalmente situados dentro do chamado Grupo Galaico de Arte Rupestre ou Estilo Atlántico, é só cuestión de tempo.

 

Con todo, o Val do Dubra conta cunha das manifestacións rupestres máis importantes e icónicas do territorio: os sartegos da Pedra do Home ou Pedra dos Mouros. Son elementos que falan dunha  necrópole de inhumación altomedieval vinculada a un santuario, hoxe desaparecido. Un lugar relevante non só pola excepcionalidade dos enterramentos, senón tamén por posuír un rico folclore asociado a lendas de tesouros escondidos e mouros que os gardaban.

 

A presenza desta necrópole na parroquia de Portomouro, non parece ademais que sexa casual, pois trátase dun lugar de tránsito relevante, probablemente xa dende a antigüidade e especialmente durante a Idade Media. Un punto estratéxico vinculado ao paso do río Tambre, nunha vía que comunicaba as localidades da Costa da Morte con Santiago de Compostela. É por tanto razoable pensar na existencia dun santuario importante próximo a un camiño desta transcendencia. A aparición de dous novos sartegos, neste caso exentos e seguramente menos antigos que os da Pedra do Home, en 2012 nunha casa próxima a actual ponte, podería reforzar esta hipótese.