A Pedra que Fala

Concello: Santiago
Parroquia: San Xoán de Fecha
Lugar: Vilar do Rei.

 

Accesibilidade: Fácil. Encóntrase a poucos metros da estrada e sitúase nun afloramento de grandes dimensións moi visible. Carece de sinalización.

Acceso: Para achegarse a esta estación rupestre hai que tomar a estrada DP-0701 que une Compostela con Portomouro (Val do Dubra). En San Xoán de Fecha cóllese un desvío á dereita en dirección Vilar do Rei. Débese continuar por esta estrada durante 4 quilómetros. Antes de chegar a Vilar do Rei hai que tomar outro desvío á dereita á altura dunha marquesiña de autobús. Desde o cruce, a uns 200 metros hai 2 camiños de monte á esquerda e dereita da estrada respectivamente. Tómase o camiño da esquerda e a poucos metros ao carón do sendeiro pódese ver unha peneda de grandes dimensións onde están os gravados.

 

Descrición
Os gravados da Pedra que Fala posúen un grande interese tanto polo folclore asociado a eles, coma pola enorme cantidade de motivos representados e pola diferente cronoloxía das mesmos. De feito, na estación aprécianse desde as clásicas cazoletas e combinacións circulares, datadas tradicionalmente na Idade do Bronce a outras figuras máis recentes como cruces, ferraduras ou béstas, situadas xeralmente polos investigadores en época medieval.
As diferencias na forma do suco nas insculturas axudan a establecer esta diferenciación. Os gravados do Bronce adoitan presentar uns sucos con sección en «U», bastante redondeados, produto do uso de ferramentas de pedra (probablemente de seixo) e das técnicas combinadas de percusión e abrasión da rocha. Porén, nos petróglifos máis recentes e particularmente nos realizados en épocas históricas, o suco adoita ser más estreito, profundo, irregular e moitas veces ten unha sección en «V», froito do emprego de ferramentas metálicas.
Os petróglifos da Pedra que Fala atópanse sobre unha gran peneda situada na marxe do camiño. Trátase dunha rocha moi irregular, con numerosas diaclasas ou gretas naturais e abundantes fracturas provocadas por antigos traballos de cantería. Os gravados repártense por distintos puntos do penedo e presentan diferentes estados de erosión.
O conxunto de gravados máis destacado encóntrase nunha zona inclinada do afloramento orientada ao camiño. Nela pódense ver ata oito combinacións circulares de entre un e dous aneis concéntricos, case todas con cazoleta central e tamén unha figura complexa composta por tres combinacións circulares unidas por unha liña a través dos aneis exteriores. Todas estas figuras presentan o característico suco en «U» realizado con instrumentos de pedra.
Un segundo conxunto ou grupo de motivos atópase na mesma pendente preto de dúas pías de formación natural, unidas por unha sorte de canais de desaugue. Nesta área aparecen unhas oito cruces e aproximadamente catorce ferraduras, todas elas realizadas con ferramentas metálicas. Engádeselle a este grupo unha pequena combinación de círculo simple e cazoleta, probablemente prehistórica.
Na parte alta da rocha ao carón doutras dúas pías naturais hai un terceiro grupo de gravados composto por unha aliñación de 5 cazoletas e unha cruz con coviñas nos extremos, todos eles con suco estreito en «V». Un pouco separado, pódese ver un cuarto grupo de tres figuras formado por dúas ferraduras e unha cruz.
De forma illada sobre o penedo apréciase tamén algún símbolo tipo bésta, posibles alfabetiformes (letras) e trazos de difícil interpretación, realizados na súa maior parte con instrumentos metálicos e de cronoloxía descoñecida, pero seguramente histórica.
O nome da rocha débese, segundo testemuño recolleito aos veciños en 1968 por Carlos García Martínez, ao feito de que contestaba a todas as preguntas que se lle facían desde o camiño. A plantación de eucaliptos na contorna, semella que anulou esta extraordinaria facultade da pedra.

 

Visibilidade
Os motivos históricos (cruces, ferraduras e béstas) son os máis facilmente visibles por presentar un menor grao de erosión. As figuras prehistóricas resultan menos perceptibles polo paso do tempo, pero tamén porque a superficie inclinada na que se sitúan foi usada antigamente como pedra escorregadoira, segundo contan os descubridores da estación no ano 1968. A primeira hora da mañá e a última da tarde son os mellores momentos para a observación deste petróglifo aproveitando a luz rasante do sol.