Na actualidade hai rexistrados no municipio de Brión 4 estacións rupestres: a de Monte Pumariño, na aldea de Beca, o petróglifo de Coto Cornido (entre a aldea de Cantelar e o río Pego) e o petróglifo de Beca II (uns 400 metros ao norte de Monte Pumariño) e o Petróglifo de Castro Lupario.
Os de Couto Cornido e Beca II son pequenas rochas con cazoletas e o de Castro Lupario é unha rocha exenta de granito que foi atopado na década de 1970 por Fernando Acuña Castroviejo, formando parte na muralla do castro Lupario. Trátase dunha combinación circular de catro aneis concéntricos con cazoleta central actualmente conservada no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela).
Todos os gravados coñecidos ata o momento en Brión poden situarse no que se coñece como Grupo Galaico de Arte Rupestre, segundo algúns autores ou Estilo Atlántico, segundo outros, datables na Idade do Bronce. Trátase de motivos de tipo xeométrico e ata o momento aínda non se encontraron representacións naturalistas no territorio municipal.
Na actualidade son escasos os exemplos de arte rupestre no concello de Brión, probablemente se deba ao feito de que tamén recibiu menos atención dos estudosos que outras zonas como Teo, Ames ou Santiago, polo que é previsible que o número de achados aumente sensiblemente nos próximos anos.