Concello: Teo
Parroquia: Santa María de Luou
Lugar: Loureiro.
Accesibilidade: Fácil. Encóntrase sinalizado e forma parte do PRG-238, Ruta dos petróglifos de Teo.
Acceso: Pódese acceder camiñando polo sendeiro homologado, quedando a 5 km do inicio na aldea de Cornide (Luou). Tamén se pode chegar de maneira máis rápida desde a estrada que une a aldea de Loureiro con Fornelos. Ao saír de Loureiro cóllese unha pista de monte á dereita, continúase por este camiño uns 800 metros ata un rechán. Dende alí tómase un sendeiro que sobe cara á Zona Arqueolóxica do Monte Piquiño. A 225 metros do rechán xa aparece a indicación á dereita para acceder ao petróglifo.
Descrición
A Pedra Bicuda de Loureiro é un dos petróglifos máis interesantes do territorio de Compostela rupestre pola cantidade, variedade de motivos representados (círculos, cazoletas, espirais, zoomorfos…) e por localizarse na área arqueolóxica do Monte Piquiño, un dos espazos de maior densidade de xacementos arqueolóxicos do territorio, onde se rexistran 10 estacións rupestres, unhas 30 mámoas e 2 posibles círculos líticos.
Os gravados sitúanse sobre un afloramento de granito, na ladeira dun outeiro coñecido como Pedra Bicuda. O lugar é un excelente miradoiro natural, cunha impresionante visibilidade sobre o val do Ulla e fitos xeográficos destacados como o Pico Sacro, Monte Meda, Castro Valente ou a Pena da Grela.
O panel atópase sobre unha rocha inclinada e fragmentada tanto por gretas naturais como debido a antigos traballos de cantería, pero conta cunha ampla superficie plana onde aparecen a maior parte dos gravados. As figuras representadas son tanto xeométricos como animais. No centro do panel chama a atención a presenza de 3 combinacións circulares, a maior delas conta con 8 aneis concéntricos e mide aproximadamente 1 metro de diámetro. Enriba están as outras dúas máis pequenas compostas por 2 e 3 aneis respectivamente, cazoleta central e liña que une o centro co exterior. Outras 6 combinacións circulares repártense por diferentes lugares da laxe.
Na zona inferior dereita da rocha apréciase outra figura xeométrica de grande interese. Trátase dunha espiral de 5 voltas, un motivo moi pouco frecuente na comarca de Santiago, onde apenas se coñece outro exemplo no Monte Pedroso.
Sobre a mesma rocha hai gravados tamén uns 10 animais con distinto grao de erosión. Os mellor conservados son os que aparecen nunha posición máis periférica no panel, en concreto trátase de 3 cervos macho, recoñecibles polas súas grandes cornamentas. Máis gastados e menos visibles son uns animais que aparecen por enriba da gran combinación circular. Aquí apréciase outro cervo macho con cornos e varias figuras máis pequenas coas extremidades representadas con trazos simples que poderían tratarse de cans, lobos ou raposos.
Tamén se observan outros motivos de difícil interpretación como uns sucos que forman unha figura rectangular dividida en 5 seccións por liñas horizontais. Está situada na parte central do panel, á dereita dunha combinación circular e a erosión non permite identificar o seu significado. Podería tratarse dunha espada ou incluso dalgún tipo de ídolo.
Visibilidade
A rocha está bastante alterada por diversas agresións como traballos de cantería ou incendios que afectaron á conservación dos gravados e dificultan a visualización, especialmente dos zoomorfos. Con todo, distínguese relativamente ben a gran combinación circular que ocupa o centro do panel e varios círculos concéntricos situados en zonas máis periféricas. A posición da rocha fai que o mellor momento para ver os gravados sexa a primeiras horas da mañá, aproveitando a luz rasante do sol. Porén, boa parte dos motivos só resultan perceptibles de noite coa axuda da luz artificial.