Petróglifo A Nave de Mourigade

Concello: Ames
Parroquia: San Pedro de Bugallido
Lugar: Mourigade

 

Accesibilidade: Fácil. Non está sinalizado actualmente, pero encóntrase moi preto da estrada, nun afloramento granítico visible desde a distancia.

 

Acceso: O petróglifo localízase a uns 3 quilómetros ao sueste de Bertamiráns. No centro desta poboación tómase a estrada en dirección Ortoño. Pásanse as aldeas de Ortoño e Ortoñiño e ao saír desta poboación cóllese unha pequena estrada á esquerda. Uns 300 metros máis adiante hai un desvío á dereita que chega ata o petróglifo.

 

Descrición:
Os gravados encóntrase nun afloramento granítico, na ladeira dun pequeno outeiro con dominio visual sobre as terras de labor inmediatas, dedicadas actualmente a prado. O lugar denomínase A Nave e está preto do núcleo de Mourigade.
A rocha é bastante irregular, con numerosas gretas naturais e tamén fracturas provocadas por traballos de cantería tradicional. Boa parte da súa superficie está cuberta de musgo, polo que non sería descartable que futuros traballos arqueolóxicos tiren á luz novos motivos.
Todos os gravados encóntranse na parte superior do afloramento e trátase figuras do chamado grupo xeométrico, principalmente combinacións circulares de aneis concéntricos e cazoletas. A maior parte dos motivos aparecen moi erosionados, pero destaca entre todos unha gran combinación circular de 80 cm de diámetro, 5 aneis concéntricos e unha gran cazoleta no centro. Un dos aneis da figura está formado por pequenas cazoletas e presenta tamén 2 sucos a modo de radios que atravesan a figura. Con todo, a característica máis interesante deste motivo é o feito de aproveitar unha protuberancia na rocha coa conseguinte intención dos seus gravadores de buscar unha sensación de volume. Esta circunstancia fai do petróglifo da Nave un dos exemplos máis espectaculares de conxunción entre soporte e gravado de todo o territorio do Parque Compostela Rupestre.
Na contorna inmediata vense outras figuras xeométricas máis desgastadas, algunhas con varios aneis concéntricos, outras con anel simple e a maior parte con cazoleta central.

 

Visibilidade
O mellor momento para a ver este este petróglifo é á tardiña porque nese intre a luz do sol incide de forma rasante nos gravados e os motivos móstranse con todo o seu esplendor.